Os premios Galileo Masters salientan un proxecto vigués de xeolocalización por satélite

mércores, 20 de novembro do 2019 Redacción

Dende Vigo chegaba hoxe a nova de que o proxecto CX-Geodron resultaba gañador da edición deste ano do Concurso Galicia Challenge, un concurso que se encadra na convocatoria europea dos premios internacionais Galileo Masters, convocados pola Axencia Europea GNSS e a Axencia Espacial Europea. O dito proxecto propón desenvolver un sistema instalado en drons para detectar dun xeito preciso obxectos sobre un plano terrestre ou subterráneo.
Volvendo ao galardón, dicir que foi esta mañá cando o reitor Manuel Reigosa e o delegado de Zona Franca, David Regades, entregaban o diploma acreditativo aos tres integrantes do equipo RadioUAV pertencentes ao grupo de investigación Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Universidade de Vigo.
Con este premio rexional, a Zona Franca de Vigo premia ao gañador cun ano de incubación no viveiro do edifico Aeroespacial de Porto do Molle, o que inclúe a asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, consultoría, formación e orientación económica para converter a súa idea de negocio. Amais disto, a Zona Franca tamén sufragará a representantes de CX-Geodron os gastos de viaxe e aloxamento á cerimonia internacional de entrega de premios que se celebrará en Helsinqui o próximo 4 de decembro.
Na capital finesa todos os proxectos gañadores das diferentes contornas europeas optarán ao Premio da Idea do Ano na convocatoria internacional e tamén poden optar a outros 6 premios especiais en diferentes categorías. Asemade, CX-Geodron foi preseleccionado, xunto con outras nove ideas de distintos países, para optar ao Premio Especial de Aceleración. Se CX-Geodron resultara gañador do Premio Especial de Aceleración, podería recibir máis de 60.000 euros en servizos de apoio.
CX-Geodron, nado dunha colaboración entre a Universidade de Vigo e a de Oviedo, consiste nun radar instalado nun vehículo aéreo non tripulado e permite, mediante a utilización de bandas UHF e SHF, a detección e identificación de obxectos a nivel terrestre e subterráneo. Os principais usos que podería ter son: detección de minas antipersoas; detección de contaminación mariña e derrames de petróleo; usos arqueolóxicos; localización de infraestruturas soterradas; servizos GPR tradicionais e detección de volume e altura de masas forestais preto de infraestruturas críticas tales como torres de media e alta tensión.
En canto ao Concurso Europeo de Navegación por satélite Galileo Masters, cómpre dicir que é un concurso internacional de innovación que premia aos mellores servizos, produtos e negocios que empregan a navegación por satélite para aplicacións na vida cotiá. Este ano 2019 o Consorcio acode por quinta vez consecutiva a esta cita como socio rexional deste concurso, promovido pola Axencia Europea GNSS, a Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio Federal Alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais. Dende o seu inicio en 2004 a convocatoria medrou até conformar unha rede mundial de innovación e coñecemento con 18 rexións europeas asociadas e máis de 200 expertos industriais e científicos de todo o mundo. Os gañadores coñeceranse na cerimonia anual que terá lugar o próximo día 4 de decembro en Helsinqui.

PUBLICIDADE