Os premios Sixto Seco á innovación cultural achegarán 3.000 euros a cada gañador

luns, 17 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Innovar en cultura, abrindo novos vieiros e horizontes, pode ter recoñecemento. Así nolo lembra hoxe a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que vén de convocar a sexta edición dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, concurso destinado a impulsar ideas emprendedoras relacionadas coas industrias culturais na nosa terra. Nesta entrega dos galardóns, estes artéllanse en dúas modalidades: por unha banda a dos proxectos en Internet e o desenvolvemento de aplicacións informáticas no eido cultural, pola outra, proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica.
E que cousas concretas poñen en xogo estes galardóns con respecto aos proxectos gañadores? Pois, entre outras cousas, inclúen a incorporación de balde ao coworking do Centro de Emprendemento Cultural e Creativo do Gaiás, en Santiago, durante doce meses, onde as emprendedoras e emprendedores terán acceso a un programa de asesoramento personalizado e un espazo equipado con “todos os servizos e prestacións precisas para a posta en marcha das iniciativas”. Ademais, veñen cun premio en metálico de 3.000 euros para cada proxecto distinguido.
Por outra banda, grazas á súa estadía no dito centro de emprendemento, as emprendedoras e emprendores poderán facer intercambios con outros espazos de co-traballo de ámbito internacional cos que a Cidade da Cultura teña convenio.
O prazo para a presentación de candidaturas fica aberto até o vindeiro 18 de outubro. A convocatoria diríxese a deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, produtores, xestores culturais, programadores e calquera outra persoa vencellada ao emprendemento cultural que queiran desenvolver a súa actividade en Galicia.
Os Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco son unha das liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento. Desde a súa primeira convocatoria no ano 2013, os galardóns favoreceron a posta en marcha de catorce proxectos. Entre as propostas gañadoras nos últimos anos hai unha aplicación móbil para dar a coñecer a pequenos produtores (I’m local), unha empresa acada á fabricación de xoguetes infantís e recursos didácticos con cartón para docentes e familias (Kandoro), dúas plataformas en liña (unha dirixida á compravenda de arte entre particulares e artistas, Wcube, e outra destinada a conectar a profesionais do sector musical para a produción e difusión de eventos, Soundslikemarket), e un proxecto que combina a impresión 3D co mundo da repostería: Cake Artist.

PUBLICIDADE