Os protagonistas de Mortal Kombat loitarán contra personaxes do Universo DC

luns, 21 de abril do 2008 Marcus Fernández

Batman golpeando a Sub Zero

Resulta curioso cómo é posible combinar personaxes de videoxogos cos do mundo do cómic, e así como aconteceu no xogo de loita Marvel vs Capcom, agora personaxes de Mortal Kombat coma Scorpion e Sub Zero deberán baterse contra Superman e Batman no novo Mortal Kombat vs DC Universe.
Era habitual ver a personaxes da Marvel loitar na pantalla de recreativas e consolas, pero os de DC só contaran cun título de loita un contra un (Justice League Task Force, que aparecera en 1995 para Megadrive e SNES), polo que enfrontalos cos violentos protagonistas de Mortal Kombat resulta bastante sorprendente, aínda que para suavizar o título se eliminan os típicos fatalities (ou golpes finais tradicionais na saga de Mortal Kombat, que precisaban dunha combinación de movementos para derrotar ao inimigo dun xeito sumamente brutal).
Como innovación, os combates tamén poderán desenvolverse en caída libre, de xeito que os personaxes poderán golpearse cando caen do escenario coma se pode ver durante o trailer deste xogo que sairá no outono para Xbox 360 e PlayStation 3: