Os seareiros do ZX Spectrum daranse cita en Sada

xoves, 14 de marzo do 2019 Marcus Fernández

A comunidade de usuarios do Sinclair ZX Spectrum, un dos primeiros ordenadores de 8 bits que entraron nos fogares nos anos 80, xuntarase o vindeiro sábado na Antiga Cámara Agraria do Concello de Sada no Run ZX 2019, evento que de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas amparará unha completa serie de actividades como sesións de xogos en ordenadores clásicos de Sinclair, exposicións e demostracións de xogos.
Durante a xornada da mañá celebraranse interesantes mini-relatorios (sobre temas coma o ensamblado de código, as conversións de xogos ou o homebrew), a tarde comezará cun obradoiro de iniciación á soldadura e ás oito da tarde terá lugar o torneo Run ZX 2019 (unha competición de videoxogos).
O encontro conta co apoio do Concello de Sada, RetroGalaicos, RetroVigo, RetroCoruña, a Asociación de Usuarios de Informática Clásica (AUIC), MiComputer, BitVision, El Mundo del Spectrum e RetroOrdenadores Orty, destacando os dous últimos polas súas exposicións de hardware.

PUBLICIDADE