Os subscritores de PS Plus recibirán Just Cause 3 en agosto

mércores, 26 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Tras un mes de xullo bastante cargado de xogos moi por enriba do que estamos afeitos na oferta de PlayStation Plus, Sony prepárase para un mes de agosto bastante interesante, principalmente no que a títulos para PlayStation 4 se refire, xa que incluirán un par de xogos bastante coñecidos: Just Cause 3 e Assassin’s Creed: Freedom Cry.
Just Cause 3 é un título de Square Enix que entra dentro do xénero do mundo aberto en terceira persoa, pero busca gañarse ao xogador co nivel de destrución e acción propio do cine dos anos 80. A historia transcorre nunha illa paradisíaca gobernada por un ditador, na que vivir unha revolución dun xeito moi espectacular: con saltos en paracaídas ou saltos cun traxe aéreo até roubos de vehículos e o uso dun armamento moi variado (dende escopetas até lanzamísiles).
O outro xogo de PS4 durante o mes de agosto é Assassin’s Creed: Freedom Cry, unha expansión de Assassin’s Creed IV: Black Flag, que vendeuse de xeito independente, e que destaca polo cambio de protagonista, xa que desta volta tomaremos o rol de Adéwalé, un pirata naufragado e asasino da Irmandade que enfrontarase aos traficantes de escravos franceses para o que terá que conseguir un barco e formar unha nova tripulación.
O resto de xogos de PS Plus do mes de agosto son moi discretos (por non dicir que son totais descoñecidos para o común dos xogadores): Super Motherboard e Snakeball para PS3 e Downwell e Level 22 para PS Vita.
Durante o mes de agosto tamén facilitan a posibilidade de facerse co xogo de PS4 que funciona en combinación con dispositivos móbiles ¡Has sido tú!, que veu a luz durante xullo, e que supón a primeira incursión de Sony neste formato de xogo.

Freedom Cry é unha interesante expansión de Assassin’s Creed IV: Black Flag

PUBLICIDADE