Os televidentes afástanse cada vez máis das grellas de programación

venres, 19 de maio do 2017 Marcus Fernández

Esta mañá a consultora The Cocktail Analysis, a axencia Ymedia e Telefónica presentaron a décima edición do informe anual Televidente 2.0 correspondentes aos resultados de 2016-2017 nos que se analiza o impacto dos cambios tecnolóxicos e de oferta que afectan ao contido audiovisual, confirmando que o consumo de emisión lineal tradicional perde forza fronte ao contido en diferido e á carta.
Os internautas declara que só o 53% dos consumos son dende TDT ou servizos de televisión de pagamento, repartíndose o resto do consumo entre vídeo baixo demanda, gravadores, aplicacións móbiles, streaming e descargas.
Aínda que as descargas fóra da oferta legal continúan a existir, cada vez contan cun interese menor, dada a accesibilidade da oferta legal. De feito, percíbese unha indiferenza dos usuarios sobre a legalidade dos xeitos de facerse cos contidos, polo que non teñen problemas en recorrer a canles alternativas para conseguir os contidos que non achegan os servizos que teñen contratados; pero valoran moi positivamente que os contidos contratados estean dispoñibles de xeito desligado á grella de programación.
Os televisores conectados e os smartphones continúan a escalar posicións como dispositivos para consumir contidos e, curiosamente, o que si tivo un pequeno descenso no estudio foi YouTube, que agora ten que facer fronte a unha maior competencia (aínda que tamén apuntan que o feito de que se incrementase o número de usuarios de Internet de maior idade, menos afeitos a usar a plataforma de vídeo de Google).
O informe tamén confirma que os subscritores que só contratan plataformas OTT (como Netflix ou HBO) son os de perfil máis novo (o 57% ten menos de 35 anos) e consomen principalmente series estranxeiras e películas, sendo chave para eles o baixo prezo dos servizos contratados. Os que tamén teñen contratado IPTV son dunha idade superior (o 60% está entre os 25 e os 45 anos) e non dan tanta importancia ao prezo como á adaptación do servizo ás súas demandas (esixindo contidos como o fútbol).
Pese a estes datos, cando analizamos o tempo destinado á visualización de contidos audiovisuais o 80% do consumo corresponde á televisión tradicional (67%) e de pagamento (13%), quedando a televisión conectada cunha cota do 10% e o streaming e o vídeo co 10% restante.

PUBLICIDADE