Os videoxogos e os blogs de moda abren unha xornada sobre novos modelos de negocio

xoves, 23 de marzo do 2017 Marcus Fernández

O salón de actos da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña acolle hoxe a xornada Educación financeira e novos modelos de negocio dentro da primeira edición do Campus Abanca, iniciativa dirixida a promover a cultura emprendedora entre estudantes universitarios que botou a andar o pasado luns, e que durante o día de hoxe conta con expertos en emprendemento tecnolóxico e novas industrias.
Abriu a sesión matinal a directora de Responsabilidade Social Corporativa de Abanca, Tatiana Suárez, acompañada pola vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria da UDC e o decano da Facultade que acolle estas actividades, Anxo Calvo Silvosa, que agradeceu que se escollese o seu centro para tan interesante evento.

Traballar na industria dos videoxogos

Samuel Molina FuKuy debullou as posibilidades da industria dos videoxogos

O relator encargado de rachar o xeo foi Samuel Molina, máis coñecido como FuKuy, que aproveitou a súa experiencia como divulgador (en páxinas web como a galega Vandal.net, podcast como Game Over e a súa canle de YouTube), desenvolvedor e profesor universitario de creación de videoxogos para dar conta do estado da industria do lecer electrónico e as oportunidades laborais que poden xurdir no mesmo.
FuKuy salientou o crecemento meteórico da industria dos videoxogos nas últimas décadas, deixando claro que é un sector multidisciplinar no que teñen cabida dende informáticos até economistas, e que por fortuna xa conta con iniciativas formativas no territorio español, aínda que lembrou que tamén é un negocio tan dinámico como duro, no que cómpre saber diferenciar o que é a paixón polo videoxogos como xogador da profesión de creación de xogos.

Moda, deporte, transporte...

María Olveira é a responsable do blog Cucaolveira.com

Tomou o relevo á interesante charla sobre como traballar na industria dos videoxogos a blogueira de moda María Olveira, que conseguiu profesionalizarse nun ámbito bastante novo na que hai poucos anos resultaría imposible pensar que podería haber negocio.
Completarán a xornada unha charla sobre Think-Tanks (coa exploración dos casos de Ouishare e Glovo), os casos de emprendemento das galegas Centum, Lupeon3D e Sliagames, a exposición de varias aplicacións ao servizo do deporte (Real Track System, Adestrap, Blindaxe e RSP Inertial Performance), a presentación da aceleradora de plataformas deportivas Global Sports Innovation Center de Microsoft e Pitch Battle de Startups galegas e, para rematar, o fundador de Blablacar, Vicent Rosso, contará a súa experiencia.

A intervención de FuKuy resultou de grande interese para moitos entusiastas dos videoxogos que están a considerar a súa entrada en tal industria
No recibidor que facilita o acceso ao salón de actos da Facultade de Economía e Empresa están instalados distintos elementos interactivos con compoñente tecnolóxica desenvolvidos para Abanca como o seu robot colaborador R4

PUBLICIDADE