Os videoxogos para as consolas de Nintendo son os máis vendidos no Xapón

xoves, 2 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Vimos de coñecer a listaxe cos 10 xogos que máis se venderon no Xapón entre o 23 e o 29 de xullo, e parece que a posición dominante de Nintendo no mercado dos videoxogos no Imperio do Sol Nacente está manténdose con forza, pois mentres que Sony coloca un título por cadansúa consola (PS2, PS3 e PSP) e Microsoft fai o propio coa Xbox 360, temos que 6 dos 10 xogos máis vendidos son para Nintendo Wii e DS, de xeito que as vendas das consolas de Nintendo teñen unha tradución directa no negocio dos xogos (que é o que achega máis beneficios).
A listaxe está dominada por 7 xogos novos: Mario Party 8 (para Nintendo Wii, con 265.000 copias vendidas), Everybody’s Golf 5 (para PS3, con 152.000 copias), Taiko no Tatsujin DS (para Nintendo DS, con 94.000 copias), It’s a Wonderful World (para Nintendo DS con 77.000 copias), Mobile Suit Gundam: MS Sensen 0079 (para Wii con 46.000 copias), Grand Theft Auto: Liberty City Stories (para PSP, con 45.000 copias) e The Elder Scrolls IV: Oblivion (para Xbox 360, con 40.000 copias).
Resulta especialmente destacable a 8ª posición, tomada por The Legend of Zelda: Phantom Hourglass (para Nintendo DS) que suma 37.000 copias vendidas a un total de 668.000, polo que se converte nun indiscutible éxito no Xapón, mentres que o Jikkyou Powerful Pro Baseball 14 (para PS2) consegue engadir 34.000 copias a un total de 187.000, mentres que o Wii Sports (para Nintendo Wii) se resiste a deixar a listaxe con 32.000 copias coas que xunta a abraiante cantidade de 1.943.000 unidades.

PUBLICIDADE