Os xogadores de PS4 e Xbox One de Fortnite compiten en liña accidentalmente

luns, 18 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Durante a pasada fin de semana nos foros de Reddit deron conta dalgo que parecía imposible no xogo Fortnite: os xogadores de PlayStation 4 e Xbox One estaban a participar nas mesmas partidas en liña. Microsoft hai tempo que abriu a súa plataforma para permitir o xogo cruzado entre plataformas, pero aínda que os desenvolvedores de videoxogos están encantados con permitir que xogadores de Xbox, PlayStation, PC e outras plataformas poidan competir en liña, dende Sony non dan o seu brazo a torcer, e néganse a permitir que os usuarios da PlayStation Network poidan xogar en liña contra usuarios de plataformas de Microsoft, polo que o que estaba a acontecer parecía extraordinario. Cedería Sony ás demandas dos xogadores e permitiría o xogo cruzado? Pois aínda que o desexable sería iso, finalmente dende Epic confirmaron que todo se debeu a un erro.
Segundo comentou un voceiro de Epic a Eurogamer, «tivemos un problema de configuración e resolveuse», ou sexa, que o sistema de matchmaking tivo un erro que posibilitou que algúns xogadores de Xbox One entrasen en partidas de PS4, pero non volverá a repetirse.
Aínda que o xogo cruzado entre usuarios de Xbox One e PS4 non é posible polas reticencias de Sony, actualmente si hai xogos como Minecraft ou Rocket League que permite que os usuarios de Xbox One, PC e Nintendo Switch poidan xogar á vez a través da Rede.

PUBLICIDADE