Os xogadores profesionais de Overwatch cobrarán como mínimo 50.000 dólares/ano

xoves, 27 de xullo do 2017 Marcus Fernández

O xogo Overwatch, pese a ser relativamente recente, está a converterse en todo un fenómeno global (con máis de 30 millóns de xogadores) que quere avanzar na súa profesionalización, de xeito que está a organizarse a Overwatch League, competición internacional que botará a andar con sete equipos (de Boston, New York, Miami-Orlando, San Francisco, Los Ángeles, Shaghai e Seúl) fundados por responsables de equipos tanto do deporte tradicional como dos mundo dos eSports, que están agora a fichar ás súas futuras estrelas entre os melloras xogadores deste título de Blizzard Entertainment.
A primeira tempada da Overwatch League aceptará inscricións entre o 1 de agosto e o 30 de outubro, período no que os equipos poderán chegar a acordos cos xogadores, e para deixar claro que estamos ante unha actividade profesional dende Blizzard xa adiantan detalles sobre as vantaxes que terán os profesionais desta liga: o período de contratación será dun ano ampliable a dous, o salario mínimo será de 50.000 dólares/ano, os equipos achegarán seguro médico e plan de pensións e os equipos repartirán como mínimo a metade das súas ganancias adicionais (por exemplo, cartos obtidos ao gañar eliminatorias e outros eventos da liga) directamente entre os xogadores.
A primeira tempada da Overwatch League terá ata 3,5 millóns de dólares en bonificacións, dos que 1 millón serán para os gañadores da tempada. Os equipos estarán formados por entre 6 e 12 xogadores, non haberá restrición no tocante a nacionalidades e os equipos serán responsables dos aloxamentos dos xogadores e das instalacións de adestramento durante a tempada.

Vídeo no que presentan os sete primeiros equipos da Overwatch League