Ourense pechou fileiras arredor da transparencia política, a proximidade e o rigor nas redes sociais

martes, 5 de xuño do 2018 Redacción

A semana pasada a Deputación de Ourense celebrou uns encontros que se puxeron sobre a mesa as diferentes metodoloxías das que botar man para acadar os niveis máis óptimos posíbeis de goberno electrónico e aberto, de participación cidadá e de xestión pública nas administracións provinciais e locais, entre outras cuestións. Do que se tratou en parte, foi de ver até que punto as novas ferramentas tecnolóxicas poden garantir un mellor exercicio do labor público. As sétimas Xornada sobre as deputacións do futuro, co-organizadas pola Deputación de Ourense (xunto coa Fundación Democracia e Goberno Local) celebráronse no Centro Cultural Marcos Valcárcel e serviron para pór en valor a importancia de seren (alcaldes, concelleiros, deputados, presidentes de entidades provinciais) transparentes e rigorosos. E, tamén, de seren innovadores.
A xornada foi inaugurada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen defendeu “unha comunicación construtiva, en positivo e rigorosa”, destacando que crer na comunicación “favorece a confianza e unha maior interacción, e é fundamental para a excelencia na xestión política e institucional”. Tamén salientou “a aposta firme” da entidade provincial a prol “dunha comunicación próxima e transparente”, o que se materializa en datos como o feito de que a Deputación de Ourense e o seu presidente “sexan líderes neste ámbito en Twitter”, sinalou. Este fío temático foi collido logo polo consultor en Comunicación política José Luis Vicente, que recordou que a Deputación de Ourense “destaca polo seu labor de comunicación e visualización nas redes sociais”. Ademais, remarcou a importancia de equilibrar información e comunicación, poñendo o foco na necesidade de gañarnos a confianza dos cidadáns, unha confianza que se “gaña coa proximidade e entusiasmando, máis que convencendo”.
A xornada comezou co relatorio de Estrella Montolio, catedrática de Lingüística Hispánica da Universidade de Barcelona, quen falou sobre a importancia de construír unha mensaxe eficaz e da sinxeleza para acadarmos a meirande eficaz nas nosas comunicacións, “porque os cidadáns teñen dereito a entender, e esta é a única maneira de garantir a confianza con eles: tendo unha comunicación institucional clara!.
Pola súa banda, Fran Carrillo, director da consultora de comunicación La Fábrica de Discursos salientou a importancia do impacto emocional e dun uso útil e responsábel dos servizos de comunicación dixital e das comunidades en liña: “As redes sociais non gañan eleccións pero marcan a axenda da conversa”, dixo, defendendo “unha comunicación xenuína, non desvirtuada, e baseada en valores”.
Pola súa banda, a analista política Verónica Fumanal avogou pola información veraz nas redes e informou que a día de hoxe “os partidos políticos, as institucións e os medios informativos compartimos os mesmo retos e a mesma problemática, e temos que entendernos entre todos dentro da batalla do relato”, salientando que o “río mediático” é algo contra o que non podemos loitar, “pero si que podemos combater a crise de credibilidade, para o cal temos que saber ler e entender a realidade dos cidadáns”.

PUBLICIDADE