PETA quere que Nintendo quite o aro no nariz á vaca de Mario Kart World

luns, 18 de agosto do 2025 Redacción

A organización animalista PETA dirixiuse a Nintendo para solicitarlle que redeseñe á súa nova personaxe bovina de Mario Kart World, coñecida como Vaca, eliminando o aro de latón que leva no nariz. A entidade considera que este detalle é un recordatorio da crueldade que sofren vacas e touros nas industrias cárnica e láctea.
Na carta remitida ao presidente de Nintendo, Shuntaro Furukawa, PETA advirte de que os aros nasais se utilizan para controlar os animais a través da dor, chegando incluso a empregarse para arrastralos cara á morte.
«O sorriso desta marabillosa Moo Moo conquistou aos xogadores, pero os seus homólogos reais, sometidos a tormentos e tiróns violentos do nariz, non teñen nada do que sorrir», afirmou Joel Bartlett, vicepresidente sénior de PETA, quen pediu á compañía que retire este elemento gráfico e permita que a personaxe «corra libre, sen recordos dolorosos de industrias que tratan os animais como máquinas de beneficio».
Curiosamente os responsables desta campaña non rosmaron por un detalle que inicialmente alarmou a moitos xogadores, como é o feito de que Vaca no xogo é quen de comer hamburguesas e costeletas (así como pizza, donuts e outros alimentos dispoñibles nos restaurantes espallados polos circuítos), polo que estariamos ante unha vaca caníbal, o que sería máis reprobable que o feito de lucir un aro no nariz.