PS Plus inclúe Steep en xaneiro

xoves, 27 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Os xogos que PlayStation Plus ofrecerá sen custo adicional aos seus subscritores no mes de xaneiro son todo un sopro de aire fresco, xa que supón unha oferta de títulos bastante variada e equilibrada, na que destaca especialmente o xogo de deportes de montaña Steep, que chegou hai un par de anos a consolas de videoxogos, cunha proposta de liberdade de acción que convence claramente aos amantes da neve e os deportes de inverno.
Este xogo de PlayStation 4 chegará acompañado por Portal Knights, un xogo de rol de mundo aberto que incorpora elementos de construción, dando lugar a un título bastante interesante pese a non gozar de grande sona, na liña do que tamén acontece con Dogchild, xogo do español Animatoon Studio que hai 3 anos chegou a PS4 como consecuencia do seu éxito nos PlayStation Awards. Trátase dunha aventura na que un rapaz investiga a desaparición dos seus país coa axuda do seu can.
A moitos resultarán aínda máis interesantes os xogos de PlayStation 3 de xaneiro, xa que comezan con Zone of the Enders HD Collection (recuperación de todo un clásico de Hideo Kojima que nacera na PlayStation 2) e completan a xogada con Amplitude (título de Harmonix que, como vén sendo habitual na compañía ten unha forte compoñente de xogo musical, pero que presenta unha aparencia propia dos xogos de carreiras como WipEout, e que fora financiado a través de Kickstarter).
En xaneiro tamén hai un par de xogos de PlayStation Vita en PS Plus, como son Super Mutant Alien Assault e Fallen Legion: Flames of Rebellion, sendo este último tamén compatible con PS4.

PUBLICIDADE