Pac-Man estrea battle royale para Switch

mércores, 7 de abril do 2021 Marcus Fernández

Os subscritores de Nintendo Switch Online poderán gozar a partir de mañá do xogo en liña PAC-MAN 99, un xogo en liña tipo battle royale para Nintendo Switch que permite somerxerse no mundo do célebre comecocos dun xeito inédito, xa que mentres se percorren os labirintos engulindo puntos e esquivando pantasmas haberá que enfrontarse a outros 98 xogadores en liña, evitando a eliminación e coa dificultade engadida de que canto máis dure a partida máis rápido será o xogo.
Entre as diferenzas de PAC-MAN 99 co xogo tradicional temos que cando engulimos unha Pac-Bóla que permítenos papar as pantasmas, o que provocará a aparición de bloqueadores nos labirintos doutros xogadores que frearán o seu avance. Precisamente este tipo de ataque pode ser masivo se papamos un tren pantasma formado por pantasmas dormentes.
PAC-MAN 99 permitirá adquirir por separado novos modos de xogo, entre os que destaca o modo sen conexión, así como a posibilidade de engadirlle temas inspirados en xogos clásicos de Namco que modifican o aspecto e o son.

PUBLICIDADE