Padre Casares: a primeira serie galega gravada en alta definición
martes, 15 de xaneiro do 2008
Esta noite, de martes 15 de xaneiro, a Televisión de Galicia vai emitir, en horario de máxima audiencia, o primeiro capítulo da serie Padre Casares, a primeira que se grava na nosa terra en formato alta definición.
O feito de ter sido gravada en alta definición (HD como se coñece máis popularmente) asegura que Padre Casares teña unha maior calidade de imaxe ó tempo que adquire unha textura máis cinematográfica, actual e moderna.
Tal e como di a palabra, a característica máis importante desta tecnoloxía é unha maior definición de imaxe ofrecida pola HDTV en comparanza cos sistemas actuais. Se o sistema PAL empregado en España ofrece unha resolución de 768x576 píxeles, a HDTV pode empregar dúas resolucións distintas: 1920x1080 e 1280x720 píxeles, sempre usando a proporción 16:9.
Estas altas resolucións, segundo datos recollidos da (tantas veces recorrida) Wikipedia, acádanse enviando o sinal comprimido mediante algún códec como MPEG-2 ou H.264. O son transmítese con formato Dolby Digital e ofrece o popular 5.1 para aproveitar os sistemas de altofalantes Home Theater.
Padre Casares, dirixida por Jorge Coira, narra “con amor e tenrura” a historia dun crego que chega a unha pequena vila da costa para substituir ó padre Crisanto, un home que levaba toda a vida nese lugar.
