¿Paga a pena que os xogos para as novas consolas procesen as imaxes a 1.080 liñas en progresivo?

mércores, 25 de outubro do 2006 Marcus Fernández

¿A máis definición máis calidade de imaxe? Calquera que compare dúas cámaras dixitais pode asegurar que unha boa cámara pouco ten que ver coa cantidade de megapíxeles na que capture as instantáneas, pero parece que queren dar a entender que iso non acontece co vídeo ou cos videoxogos, o que leva a expertos coma Bruce Dawnson a afirmar que as altas resolucións que anuncian para as novas consolas de videoxogos poderían non pagar a pena.
Así, a PS3 anuncia que terá xogos a 1.080 liñas en progresivo, pero Dawson compara a resolución de 1.920 x 1.080 píxeles (alta definición) coa de 1.280 x 720 píxeles (superior á televisión estándar, pero sen empregar ó máximo a capacidade da HD) e aseguro que a alta definición pura ten 2,25 máis píxeles que calcular, o que fai que teñan o 555,5% menos de tempo en realizar cálculos para cada punto en pantalla, de xeito que paga a pena realizar un bo procesado a 1.280 x 720 e realizar un antialiasing para suavizar as imaxes, o que tería un resultado normalmente máis agradable que unha imaxe calculada directamente a 1.920 x 1.080 sen suavizado.
As afirmación que realiza non teñen por qué ter importancia dentro duns anos, xa que segundo evolucionen os procesadores gráficos, as consolas poderán dar moita calidade á resolución de 1.080p, de xeito que superaría enormemente á resolución de 720p, pero que na actualidade non paga a pena, e resulta máis recomendable realizar un bo procesado das imaxes a unha resolución menor, pois as consolas aínda non van sobradas.
Temos así que ser prudentes á hora de comparar as características dos novos xogos e consolas, porque unha cantidade superior non garante unha calidade maior. Agora que tanto a PS3 como a Xbox 360 soportan a resolución de 1.080p, son os desenvolvedores os que deben medir se paga a pena empregar as maiores resolucións de proceso gráfico, posto que en xogos moi complexos poderían empeorar considerablemente a calidade gráfica final.
Quizais toda esta confusión se deba ás comparacións coas calidades de vídeo, porque está claro que un Blu-ray ou un HD DVD terán unhas imaxes excelentes, pero hai que ter en conta que se elaboran nun proceso lento, con varias pasadas, de xeito que unha película precisa de moitas horas para a súa transformación a estes formatos, mentres que os xogos teñen que facer os procesos en tempo real. Esta diferenza substancial é a que fai chamar á reflexións sobre a necesidade (ou non) de apostar xa polas resolucións máis altas posibles, que tamén son bastante escasas no parque de pantallas actual (xa que as pantallas de alta definición normalmente só son HD Ready e non TrueHD, ou sexa que están lonxe de acadar resolucións de 1.920 x 1.080 píxeles).

PUBLICIDADE