Palworld ábrese ao xogo cruzado

mércores, 19 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Pese ás accións legais de Nintendo contra Pocketpair polo seu xogo Palworld, este título acusado de plaxiar a Pokémon segue a funcionar con certa forza en PC, Xbox One, Xbox Series X|S e PlayStation 5, e está agora a lanzar unha importante actualización, a 0.5.0, que como principal característica ten a activación do xogo cruzado para todas as plataformas, ou sexa, que os usuarios de ordenadores e consolas poden competir uns con outros sen problemas, o que sen dúbida pode revitalizar a este curioso xogo.
Esta nova actualización tamén facilita que os xogadores poidan almacenar os datos dun Pal nunha Palbox global e transferir Pals entre mundos. Pocketpair tamén asegura estar a traballar en servidores dedicados para a versión de PlayStation 5.
O xogo presume de ter chegados aos 32 millóns de xogadores, e está a explorar posibilidades con outras compañías para potenciar a súa marca, á vez que tamén incorporaron modificacións no xogo para evitar infrinxir as patentes que reclama Nintendo, polo que o título que se fixo popular polas súas semellanzas estéticas con Pokémon, pode rematar tendo unha traxectoria de seu, como ten acontecido no pasado ou outros títulos como Fortnite (que medrou á sombra de PlayerUnkown’s Battlegrounds, chegando moito máis aló).

Tráiler da actualización de Palworld que engade o xogo cruzado