Paramount pagará 1.500 millóns de dólares polos dereitos de South Park

xoves, 24 de xullo do 2025 Redacción

Os novos episodios de South Park non dubidan en parodiar ao presidente Trump

Os creadores de South Park, Trey Parker e Matt Stone, alcanzaron un acordo histórico con Paramount que garante os dereitos globais de emisión en streaming da icónica serie satírica, que pasará a estar dispoñible por primeira vez nos Estados Unidos a través de Paramount+ (polo momento non se confirmou se en España a serie pasará a estar dispoñible a través de SkyShowtime). O pacto, que chega tras semanas de tensións e ameazas de litixio, valora os dereitos en 300 millóns de dólares anuais durante cinco anos, o que supón un total de 1.500 millóns de dólares.
O acordo representa un dos contratos máis valiosos da historia da televisión e implica que Park County, a produtora dos creadores, producirá dez novos episodios por ano. Esta nova etapa remata cun período de incerteza marcado polo vencemento do anterior contrato con HBO Max, que tiña en exclusiva os dereitos de emisión da serie desde 2019, cando Paramount aínda non tiña operativa a súa plataforma de streaming.
As negociacións viñeron marcadas tamén polo proceso de venda de Paramount ao grupo Skydance Media, dirixido por David Ellison, e pola intervención directa de altos executivos como Jeff Shell (RedBird Capital Partners) e o equipo legal de Park County, que chegou a preparar unha demanda contra Paramount e Skydance. Finalmente, alcanzouse un acordo a cinco anos (en lugar dos dez inicialmente solicitados polos creadores) co visto e prace de Skydance.
O lanzamento desta nova etapa coincide co inicio da 27ª tempada da serie en Comedy Central, cun episodio que está a causar moito rebumbio ao contar coa presenza de Donald J. Trump, a quen dan un tratamento semellante ao de Saddam Hussein, e mesmo ousaron a crear un vídeo feito con IA no que aparece o presidente espido, no que semella unha declaración de intencións, dando a entender que manterán a irreverencia da serie pese ás presións políticas.