Paramount prevé fusionar as súas plataformas de streaming con HBO Max

luns, 2 de marzo do 2026 Redacción

Paramount Skydance prevé integrar Paramount+ (que en España sería SkyShowtime) e HBO Max nunha única plataforma de contidos en liña unha vez se complete a fusión entre Paramount e Warner Bros. Discovery (WBD) segundo asegurou o conselleiro delegado de Paramount, David Ellison, durante unha conferencia con investidores na que detallou os pasos da operación corporativa.
A combinación das dúas plataformas permitiría sumar «algo máis de 200 millóns de subscritores directos ao consumidor», o que situaría o novo servizo nunha posición competitiva fronte aos principais operadores globais do sector. Ellison sinalou que Paramount terá completada a mediados deste ano a consolidación das súas tres plataformas actuais baixo unha mesma infraestrutura tecnolóxica, e avanzou que a estratexia será similar coa futura plataforma resultante da fusión.
«Como dixemos, si temos previsto unir os dous servizos, o que hoxe nos dá algo máis de 200 millóns de subscritores directos ao consumidor», afirmou. «Pensamos que iso realmente nos sitúa nunha posición para competir cos líderes do sector. En Paramount, a mediados deste ano, teremos completada a consolidación dos nosos tres servizos baixo unha infraestrutura unificada, e poden vernos adoptar un enfoque similar con esta plataforma no futuro. E pensamos que a oferta combinada, tendo en conta a cantidade de contido e o que podemos facer desde o punto de vista tecnolóxico, realmente nos colocará nunha posición para competir cos actores con maior escala no DTC (directo ao consumidor)».
Non quedou claro cal será a configuración final do novo servizo, nin se HBO Max funcionará como unha sección diferenciada dentro da plataforma ou quedará plenamente integrada. Con todo, Ellison deixou patente que a intención da dirección de Paramount é que HBO manteña autonomía editorial e creativa.
«Casey e o seu equipo fan un traballo absolutamente extraordinario en HBO», indicou o directivo, para logo engadir que «como dixemos, si temos previsto que poida operar con independencia, para que HBO poida, francamente, facer o que fai incriblemente ben. O noso punto de vista é que HBO debe seguir sendo HBO. Construíron unha marca fenomenal. Son líderes no sector e simplemente queremos que continúen facendo máis do mesmo. Pero ao unir as plataformas, todo o noso contido poderá chegar a unha audiencia aínda máis ampla da que podemos acadar por separado».