ParatradIT-2024 xunta na UVigo 240 expertos en audiovisual, tradución e videoxogos
xoves, 21 de marzo do 2024
Estes días estase a celebrar na UVigo o I Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT-2024. En total, 240 persoas de 15 países están inscritas nun simposio que se celebra de xeito presencial na Facultade de Filoloxía e Tradución e tamén en modalidade virtual. Participan profesionais da produción audiovisual e máis concretamente do sector estratéxico da industria do videoxogo, xunto con docentes, persoal investigador e estudantes. O congreso ten as portas abertas até este venres (dende onte). Porase o foco nas novas tecnoloxías dixitais e o impacto da Intelixencia Artificial na tradución e interpretación.
O profesor José Yuste, organizador do simposio xunto con Óscar Ferreiro, Emmanuel Bourgoin e Ramón Méndez, membros do Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P), explicou que “o congreso está dedicado a fortalecer as sinerxías entre a tradución e a paratradución, por unha banda, e as novas tecnoloxías dixitais aplicadas ás linguas e o seu coñecemento científico, pola outra”. Farase especial fincapé “no que está tan de moda dende hai uns meses, aínda que existe dende hai máis de 30 anos: a Intelixencia Artificial”. Así, as diferentes conferencias e relatorios abordarán o seu impacto “na tradución e interpretación, no ensino o no tratamento de linguas á hora de crear novas narrativas audiovisuais como a narrativa transmedia, é dicir, cando se fragmenta un universo narrativo global entre linguas e culturas diferentes empregando un abano de medios complementarios do máis variado para conseguir o que se busca en toda Sociedade da Información: a inmersión total do espectador en pantalla e fóra dela, co fin de crear o único obxectivo da sociedade do espectáculo na que vivimos, que é unha experiencia de entretemento global, coordinada e unificada a través de múltiples plataformas dixitais”.
O congreso, no que tamén colabora o grupo de investigación Tradies da Universidade de Córdoba, conta con 240 persoas inscritas de toda España e doutros 15 países, como Italia, Francia, Alemaña, Marrocos, Arabia Saudí, Rusia, Portugal, China, Xapón, Nixeria ou EEUU.
Ao longo dos tres días presentaranse 72 comunicacións, cun total de 95 relatores, ao que hai que sumar tres conferenciantes plenarios, arredor de 121 asistentes e 30 participantes nos seis obradoiros complementarios ao congreso.
O profesor José Yuste, investigador principal do grupo Tradución & Paratradución (T&P), explicaba na apertura do simposio que esta é a primeira “dunha serie de edicións que, ao longo dos anos, estudarán as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas, vixentes para traducir entre as linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia tan de moda, tanto en pantalla como fóra dela, dende a perspectiva teórica, didáctica e profesional da paratradución”.
A vicerreitora de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Maribel del Pozo, tamén facía fincapé en que este congreso “representa un espazo onde a diversidade lingüística e cultural se entrelaza coa innovación tecnolóxica e a creatividade humana e no que se debaterá sobre os desafíos e oportunidades únicas para construír pontes entre as diversas formas de expresión e comunicación que enriquecen o noso panorama cultural e social”. A vicerreitora adiantaba que nas diferente sesións exploraranse “non só técnicas e ferramentas que facilitan a tradución e interpretación, senón tamén o seu papel no eido da transmedia, onde as historias e as mensaxes atravesan moreas de plataformas e formatos”.
Tralo acto de apertura, o congreso botou a andar coa conferencia plenaria de José Calvo, profesor titular da Universitat d’’Alacant, que se centrou na IA en tradución cun enfoque crítico para a formación de tradutores e a ética profesional. Como destacaba, “a crecente accesibilidade a ferramentas de IA está transformando os paradigmas da tradución e a interpretación” e neste escenario, é “necesario” examinar o efecto da tradución automática na calidade e autenticidade das traducións e analizar os desafíos que presenta a IA en aspectos clave como a calidade, a recepción e a ética.