Pasar de Xbox LIVE Gold a Xbox Game Pass Ultimate xa non resulta tan beneficioso

luns, 10 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Estes días o servizo Xbox Game Pass está a moi activo tras recibir os xogos Grand Theft Auto V e Sword and Fairy: Together Forever, aos que seguen moitos outros títulos como Exoprimal (que chegará o venres) ou The Cave (de Ron Gilbert, creador de Monkey Island e Maniac Mansion), pero non todo son boas novas para o servizo de subscrición de Microsoft, senón que tamén están a dar conta do remate dunha das grandes promocións do Game Pass: a posibilidade de gozar do servizo ao prezo de Xbox LIVE Gold.
Cando se anunciou o Xbox Game Pass a propia Microsoft insistía na posibilidade de poder gozar deste servizo na súa versión máis completa (Xbox Game Pass Ultimate) empregando un pequeno truco: acumular até 36 meses de Xbox LIVE Gold e migrar ao Game Pass Ultimate por só 1 euro, conseguindo así 3 anos de servizo de Game Pass a un prezo moi reducido.
Pero a chea rematou, e aínda que segue a ser posible realizar a transformación de Xbox LIVE Gold a Xbox Game Pass Ultimate, o tempo da subscrición xa non se traduce nunha proporción 1:1, senón que a proporción pasa a ser 3:2, de xeito que por cada 90 días de Xbox LIVE Gold recíbense 60 días de Xbox Game Pass Ultimate.
Cómpre salientar que segue a ser rendible contratar Xbox LIVE Gold para aplicar logo a taxa de conversión (especialmente se atopamos tarxetas de recarga en oferta), pero xa non resulta tan beneficioso o truco para o usuario final.

PUBLICIDADE