Pecha a polémica web que cobraba por facer as tarefas escolares en Francia
martes, 10 de marzo do 2009
O pasado xoves, o colectivo estudiantil francés espertou envolto
nunha polémica, que enfrontaba a alumnos e mestres, ao non poñerse dacordo na
utilidade que se lle podía dar a unha nova web, Faismesdevoirs.com (faime as tarefas),
que saía á luz para axudarlle aos estudantes franceses a facer os seus
exercicios da escola na casa.
A ferramenta, que tivo que pechar ás poucas horas da súa
apertura, cobráballe aos seus usuarios polas respostas que solicitaban, con
tarifas que iban dende os cinco euros (por resolver problemas matemáticos), ata
os 80 euros, o prezo por un traballo de fin de curso con diapositivas
incluídas.
Nun primeiro momento, o éxito da iniciativa foi tal que as
visitas saturaron o servidor; nembargantes, as mobilizacións do profesorado,
que afirmaban estar ante unha ferramenta “que
contradicía o ensino”, levaron ao peche definitivo da aplicación fundada
por Stéphane Boukris.
Éste último non se fixo agardar para presentar as súas
disculpas públicamente e, nunha nota publicada na web, admite que o servizo que
creara “ía en contra da súa suposta
utilidade pedagóxica”, ao tempo que recoñece que “non foi boa idea propoñer que os estudantes pagasen por que se lles
fixesen as súas tarefas escolares”.
Boukris conclúe a súa mensaxe comprometéndose a reembolsar
os pedidos nun prazo de oito horas a quen llo solicite a través dun enderezo de
correo electrónico.
