Pepephone estrea unha tarifa con 19 GB de datos e 5.001 minutos en chamadas por só 19,9 euros/mes

mércores, 24 de maio do 2017 Marcus Fernández

Non son poucos os usuarios que queren gozar de tarifas móbiles cun esaxerado volume de datos incluídos dado que fan un consumo intensivo de contidos audiovisuais fóra do fogar ou porque, simplemente, carecen de banda larga fixa, de aí que conseguiran certa sona tarifas como a xa clásica Sinfín de Yoigo, á que vén de aparecerlle unha dura competidora da man de Pepephone: La Inimitable.
Até o momento Pepephone levaba as súas tarifas móbiles até os 10 GB de datos, pero con esta nova tarifa conseguen a que parece ser un dos mellores prezos por GB do mercado, xa que por 19,9 euros/mes achega 19 GB de datos e 5.001 minutos en chamadas. Superados os datos contratados pasaría a pagarse 1 céntimo por cada MB excedido, ou sexa, que nunca baixarían a velocidade. Para que nos fagamos unha idea do que poden dar de si 19 GB no móbil, dende Pepephone comentan que equivalería a reproducir máis de 60 horas de contidos de Netflix.
Esta nova oferta é compatible coa oferta converxente de Pepephone (ou sexa, que supón un aforro para os usuarios que tamén contraten ADSL ou fibra coa mesma compañía.

PUBLICIDADE