Peter Moore deixa Microsoft

xoves, 19 de xullo do 2007 Marcus Fernández

As divisións de videoxogos dos grandes fabricantes parecen estar cambiando as súas cabezas visibles posiblemente a causa da situación actual na guerra de consolas que parece estar gañando un participantes polo que ninguén apostaría hai un par de anos, e así, tralo abandono de Sony por parte de Ken Kutaragi (considerado coma o pai da Playstation), tocoulle facer o propio a Peter Moore, xefe da división de xogos de Microsoft, que pasará a dirixir EA Sports, o que supón unha mudanza a California (onde vive a súa familia).
Curiosamente a persoa que ocupará o lugar de Moore será Don Mattrick, que provén de Electronic Arts (ou sexa, da mesma empresa á que vai parar o que ata o de agora era o máximo responsable da Xbox 360).
Moore unírase a Microsoft en 2003, e coa súa dirección conseguiuse o lanzamento con éxito da Xbox 360 e a revitalización da división de xogos para PC de Microsoft (agora coñecida coma Games for Windows) e agora deberá afrontar novos retos no departamento de xogos deportivos de Electronic Arts, que parece tocar teito (xa que se dirixe a un público mozo moi concreto e limitado) polo que para atender ás novas demandas do mercado deberá procurar crear produtos para os xogadores máis ocasionais que tanto éxito están a supor a fabricantes coma Nintendo.

PUBLICIDADE