Pintos & Salgado analiza a adaptación do dereito español á nova realidade dos nómades dixitais

xoves, 29 de febreiro do 2024 S. P.

Ao abeiro do seu programa de divulgación centrado en diferentes aspectos legais e xurídicos da nova orde tecnolóxica, o despacho de avogados coruñés Pintos & Salgado pon o foco esta semana no dereito español e da súa adaptación ás necesidades de traballo daquelas persoas que desempeñan a súa profesión desde calquera recuncho do mundo, aproveitándose das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Segundo explica Noelia Montero, profesional do despacho, “os nómades dixitais atopan en España un destino atractivo por clima, calidade de vida e infraestrutura dixital; por iso é importante crear un marco legal que os regule e protexa”.
O bufete tamén pon o foco no importante incremento da presenza de nómades dixitais, propiciado pola ampliación do teletraballo e a propia evolución das Tecnoloxías da Información, que achegan un escenario que creba moitas das convencións tradicionais ao redor do traballo. “O nómade dixital desempeña a súa actividade de maneira itinerante, sen vincularse a unha localización física fixa, e aproveitándose da flexibilidade que brindan as ferramentas virtuais”, explican dende Pintos & Salgado, engadindo que “o aumento destes perfís laborais fai que o dereito tampouco quede atrás: implica novas implicacións legais e novos desafíos que as regulacións deben abordar canto antes”.
Así nos explica Noelia a adaptación que fixo España a esta nova realidade: “En decembro de 2022 e tendo en conta o impacto da pandemia de COVID-19, España aprobou a Lei 28/2022 de fomento do ecosistema das empresas emerxentes. É aí cando se dá o gran cambio: recóllese a implantación dun visado para nómades dixitais. Neste contexto, calquera visado débese entender como un documento oficial, emitido por un país, para que os estranxeiros ingresen e residan legalmente dentro do territorio por un período determinado. Normalmente asócianse a cuestións de turismo, estudo, traballo…”, continúa Montero.
No caso dos nómades dixitais, permítelles traballar en territorio español, algo non recollido noutra tipoloxía de visados como o turista, facilitando e apoiando a incorporación destes perfís profesionais en condicións legais óptimas.
Requisitos para obter o visado
Unha das cuestións fundamentais do visado para nómades dixitais é que recolle as circunstancias que permiten a un profesional considerarse como tal. E percíbese a través dos seus requisitos. “Primeiro, necesitas ser un traballador a distancia ou autónomo dun país que non pertence á Unión Europea. Podes ser autónomo con varios clientes ou simplemente estar contratado por unha organización que che permita traballar a distancia desde o estranxeiro”, contextualiza Noelia Montero, engadindo que é necesario contar cun contacto profesional cos nosos clientes ou traballar para a organización durante polo menos 3 meses antes de presentar a solicitude”. A maiores, o nómade dixital deberá contar con polo menos 3 anos de experiencia no seu sector, non poderá ter antecedentes penais e deberá poder demostrar que presenta os medios económicos suficientes para manter a estadía en España.
Con beneficios fiscais
Tramitar o visado para nómades dixitais permitirá que os profesionais que traballen baixo estas modalidades acóllanse á chamada Lei Beckham, de tal maneira que pagarán impostos (neste caso, o Imposto sobre a Renda de Non Residentes ou IRNR) só se os seus ingresos superan os 55.000 euros. Esta é unha das principais vantaxes que incorpora o documento oficial para certificar a condición de nómade dixital, xunto coa posibilidade de residir en España máis aló dos 3 meses que contempla o visado de turista. “Co visado, España súmase á tendencia doutros países da Unión Europea que tamén desenvolveron ferramentas xurídicas semellantes. No noso caso, os nómades dixitais xa poden operar en territorio nacional durante un ano e prorrogalo ata as cinco anualidades. E somos un destino moi interesante para eles por clima, calidade de vida e infraestrutura da internet”, conclúe Noelia Montero.

PUBLICIDADE