PlayStation Plus incluirá Metal Gear Solid V en outubro

mércores, 27 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Dende Sony parecen estar no camiño da redención no seu programa de PlayStation Plus, e con moito tempo ofrecendo xogos independentes e irrelevantes aos seus subscritores de pagamento, levan uns meses ofrecendo títulos bastante interesantes, e ao igual que o mes pasado sorprendían con inFAMOUS: Second Son, agora anuncian que en outubro teremos un xogo tan importante como Metal Gear Solid V: The Phantom Pain, entrega que puxo fin á saga de Hideo Kojima. Outro xogo de PS4 dispoñible en outubro será Amnesia: Collection, unha obra realmente arrepiante.
Unha vez máis tamén inclúen en PlayStation Plus un par de títulos adicionais, que se saen un pouco do habitual, como serían ¡Has sido tú! (que busca explorar o uso do smartphone como complemento para xogos en grupo) e RIGS Mechanized Combat League (título de mechas para PlayStation VR).
O resto de títulos si que son pouco coñecidos, de xeito que os usuarios de PS3 recibirán Monster Jam Battlegrounds e Hustle Kings, mentres que os de PS Vita terán Hue e Sky Force Anniversary (ambos compatibles con PS4).

Sky Force Anniversary é un xogo compatible con PS Vita e PS4

Vídeo no que detallan os xogos incluídos en PlayStation Plus no mes de outubro