Playdate, unha consola portátil que busca sorprender

mércores, 22 de maio do 2019 Marcus Fernández

Panic, a compañía detrás de aplicacións para Mac como o editor Coda e a ferramenta de transmisión de ficheiros Transmit, ou do videoxogo Firewatch, está a sorprender co anuncio dunha curiosa consola portátil chamada Playdate, que cun deseño semellante ao dunha Game Boy busca ofrecer algo diferente, o que deixa claro o feito de que incluirá unha tempada de xogos, ou sexa, que tras o seu lanzamento recibirá 12 xogos secretos con periodicidade semanal.
Temos así que esta pequena consola portátil (cunhas dimensións de 74 x 76 x 9 milímetros), que venderase por 149 dólares a primeiros de 2020, contará basicamente coa ducia de xogos antes citados, e queda no aire se no futuro terán novas tempadas de xogos ou unha tenda de xogos soltos, xa que iso dependerá principalmente da resposta comercial que teña este produto que claramente non busca competir con outras consolas, senón ofrecer unha alternativa orixinal ao xogo nos dispositivos actuais.
Cando dicirmos que esta consola é semellante a unha Game Boy, non só falamos de que ten unha cruceta e 2 botóns de disparo, senón tamén a que a súa pantalla de 2,7 polgadas cunha resolución de 400 x 240 píxeles é en branco e negro, buscando así ter unha autonomía moi elevada, aínda que desta volta a pantalla si terá certo nivel de calidade, de xeito que non se verá borrosa como nas consolas de hai 30 anos, pero si conservará unha limitación tan irritante como precisar de luz ambiental, xa que a pantalla carece de retroiluminación.
A Playdate contará con Bluetooth e Wi-Fi para poder descargar xogos e incluso deixar a porta aberta para que no futuro poida contar con xogos competitivos en rede. Pero se hai algo que chama poderosamente a atención do deseño deste dispositivo é que no seu lateral ten unha manivela que poderiamos pensar que serve para cargar a consola, pero que realmente é un sistema de control máis, que busca ser orixinal e así fuxir das mecánicas táctiles actuais, de xeito que esta nova máquina podería ser considerada un refuxio para os que non están satisfeitos co rumbo que están a tomar os videoxogos en plataformas portátiles.

PUBLICIDADE