Playground ofrecerá no Interplay un obradoiro de vídeo para redes sociais

mércores, 7 de marzo do 2018 Redacción

O quinto festival de contidos dixitais Carballo Interplay vén de abrir a preinscrición para o seu obradoiro Narrativas de vídeo en redes sociais. Contidos complexos vs. audiencias masivas, que terá lugar o venres 6 de abril no Pazo da Cultura de Carballo. As persoas interesadas en participar nesta actividade impartida por Josune Imízcoz e Guillermo Carreras-Candi, responsábeis de vídeo da plataforma PlayGround, poden reservar a súa praza na web do festival (carballointerplay.com) até o 19 de marzo. Segundo informa a organización do certame (Interplay Producións e o Concello de Carballo) hai 25 prazas dispoñíbeis e o prezo da actividade é de 20 euros.
Para quen non o saiba, PlayGround xurdiu en 2008 como revista dixital enfocada á música, aínda que axiña evolucionou cara a medio tecnolóxico referencial, multitemático, independente e con importante pegada nas redes sociais. Dende a súa experiencia, os seus impulsores abordarán no obradoiro de Carballo a disxuntiva entre un presente que require explicacións cada vez máis complexas e un contexto mediático que tende a comprimir cada vez máis as historias e escoller os temas só en función da súa potencial viralidade.
O método de traballo nas tres horas da actividade combinará unha parte analítica con outra creativa. Na primeira parte as persoas inscritas participarán nunha visualización conxunta de vídeos de PlayGround e outras plataformas, “co obxectivo de comprender o funcionamento dos contidos complexos no entorno das redes sociais”. Na segunda parte buscaranse enfoques para temas propostos polos alumnos e alumnas e desenvolveranse borradores audiovisuais por parellas que serán finalmente comentados. A organización recoméndanos carrexar computadora portátil para poder escribir e editar imaxes se fose preciso.
Obradoiros gratuítos para crianzas, con Vermislab
O Carballo Interplay ofrecerá, tamén, dous obradoiros gratuítos para crianzas da man do proxecto de innovación educativa Vermislab, que quere potenciar a creatividade de nenos e nenas en eidos como a ciencia, a tecnoloxía e o deseño. Así, a sexta feira (venres) 6 de abril, de 16h a 18h, a rapazada de máis de 9 anos aprenderá, no Pazo da Cultura de Carballo, desde os conceptos básicos da electricidade até como combinar diferentes compoñentes electrónicos, facer circuítos usando placas de prototipado e soldadura para elaborar os seus deseños usando dispositivos electrónicos e mesmo farán música combinando a electrónica con obxectos cotiáns. O sábado 7, de 10h a 14h, pais e nais e crianzas de máis de 6 anos terán ocasión de mergullarse nas diferentes maneiras de esculcar no mundo microscópico, farán cultivos e incluso fabricarán o seu propio microscopio electrónico que poderán carrexar para a casa. As persoas interesadas poden reservar xa a súa praza, na web do Interplay.

PUBLICIDADE