Pocoyó estrea novos episodios en YouTube

luns, 4 de abril do 2016 Marcus Fernández

Tras conseguir un grande éxito na televisión internacional Zinkia decidiu levar a Pocoyó a consolas de videoxogos e dispositivos móbiles, como un xeito de manter viva a súa franquía, pero as aventuras do pequeno neno curioso e os seus amigos segue a ser un produto esencialmente audiovisual, polo que casa moi ben con plataformas como YouTube, onde as súas canles oficiais en español e inglés superan sobradamente os 3 mil millóns de reproducións, de aí que agora pode resultar pouco rechamante o feito de que decidisen estrear novos capítulos semanais en exclusiva.
Lembremos que a serie de Pocoyó rematou a súa emisión orixinal en decembro de 2010, polo que case podía dicirse que a franquía vive de rendas, sendo YouTube o seu principal sustento actual, de aí que fose a canle atinada para estrear os seus novos 26 episodios, que previsiblemente mellorarán aos xa bo rendementos de Pocoyó en YouTube, onde ten uns 7 millóns de reproducións ao día e preto de 4 millóns de subscritores.
Zinkia leva uns anos moi complicados economicamente, tendo incluso que recorrer á protección por bancarrota, pero a aposta polos novos formatos podería favorecer unha remontada da compañía, aproveitando o pulo multi-plataforma que teñen servizos como YouTube, e que tamén teñen un grande potencial para conseguir un retorno do investimento mediante a explotación publicitaria global (que neste caso podería ser moi efectiva, dado que ten un público moi específico).

Primeiro episodio da nova tempada de Pocoyó