Polémica por un videoxogo inspirado na masacre de Virginia Tech

venres, 18 de maio do 2007 Marcus Fernández

Un mozo de Sydney (Australia), Ryan Lambourn, estase a converter nunha das persoas máis desprezables do mundo por publicar na Rede un videoxogo feito en Flash titulado V-Tech Rampage e que permite ó usuario recrear a masacre da universidade Virginia Tech en EE.UU. seguido dun acto de extorsión, pois ante as reaccións de rexeitamento polo videoxogo Lambourn anunciou que eliminaría da Internet o xogo por 1.000 dólares e incluso pediría desculpas se as doazóns chegasen ós 3.000 dólares, o que aínda molestou máis ó público.
O xogo desenvólvese en 3 niveis que comezan cos primeiros homicidios de Cho Seung-hui no campus (marcando a Emily Jane Hilscher, de 18 anos, coma primeiro obxectivo), seguen con envío a unha canle televisiva dun vídeo co rapaz de orixe surcoreana convertido nun asasino e remata coa matanza no Norris Hall e o suicidio do protagonista do xogo, que ten que evitar ser capturado pola Policía.
Recrear estes actos pode considerarse ofensivo, aínda que o autor do videoxogo pensa que este tipo de produtos resultan “graciosos”, criterio afortunadamente non compartido pola meirande parte das persoas.

PUBLICIDADE