Polémica renovación da web de Periodista Digital

venres, 13 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Peridista Digital, o popular proxecto dos irmáns Alfonso e David Rojo, que resultara moi polémico no pasado polo seu abuso do dereito de cita para replicar información doutros medios e que actualmente é xa unha publicación cun carácter propio e diferencial, renovou o pasado día 12 a aparencia da súa web, coincidindo co lanzamento dunha rede de diarios dixitais locais para as cidades de Alacante, Elxe, Pamplona e A Coruña (e que en breve podería contar cunha edición viguesa).
A nova iniciativa quere chegar a 18 localidades medias cunha redacción moi reducida, nunha aposta “polo xornalismo local de calidade na Internet a partir de desenvolver un amplo tecido de xornalismo cidadán”. Para tal contarán cun presuposto de 12.000 euros mensuais por cada medio local, polo que aspiran a ter 2 patrocinadores por cada un dos proxectos que permita a súa viabilidade (xa que non conta que o tráfico dos mesmos asegure a súa rendibilidade).
Pero a creación dunha publicación máis urbana non é o que está a ter repercusión na Internet, pois o lanzamento das novidades da súa web se viron eclipsadas pola aparencia gráfica, que se anunciaba como inspirada no The New York Times (co que apenas amosa semellanza algunha) mentres que en distintos blogs denuncian que se trata dun caso de plaxio do deseño de ElMundo.es, especialmente nas tipografías.
Podemos ver que o novo deseño de Periodista Digital presenta unha disposición dos contidos moi semellante que a de ElMundo.es, agás polo feito de que intercambia a orde das súas dúas primeiras columnas. Se facemos o exercicio mental de intercambiar a orde das columnas el ElMundo.es e as comparamos co formato actual de Periodista Digital podemos ver un resultado realmente inquedante, pois parece que a única diferenza entre as dúas webs está só na cabeceira das mesmas: