Polemizan sobre o feito de que no GTA IV se poida conducir bébedo

luns, 5 de maio do 2008 Marcus Fernández

As vendas do GTA IV son realmente importantes

O xogo Grand Theft Auto IV xa leva varios días nas tendas e está a ser todo un éxito a nivel mundial, rexistrándose no Reino Unido unhas vendas de 609.000 unidades no seu día de estrea, e se estima que colocou unhas 9 millóns de copias no seu lanzamento, polo que o custo do seu desenvolvemento podería terse recuperado en poucas horas pese a que parece ser o xogo máis cara da historia, pois o produtor Leslie Benzies declarou que foi «como facer unha película» cun milleiro de persoas involucradas no seu desenvolvemento e un custo total duns 100 millóns de dólares, superando os 70 millóns de dólares de Shenmue para Dreamcast (considerado xogo máis caro xamais desenvolvido).
As fortes vendas do GTA IV, e o atractivo dos seus modos de xogo en liña tamén podería facer que a produción de Rockstar liderase a plataforma Xbox Live, na que están a causar furor Halo 3 e Call of Duty 4. Segundo parece, o sistema de xogo en rede do último GTA é tan bo que segundo o director de produto de Xbox 360 e Xbox Live, Aaron Greenberg, non pode «imaxinar a alguén que teña unha copia sen probala en Xbox Live».

O xogo permite conducir bébedo

Billy Pidgeon, de IDC, asegura que o xogo ten o potencial para ser máis popular en rede que Halo 3, e recoñeceu a súa sorpresa ao ver que a noite do lanzamento do GTA IV atopou a case todos os seus amigos xogando en liña mesmo antes de probar o xogo individual.
Pero era previsible que comezasen as polémicas sobre o violento videoxogo, e aparte das habituais críticas sobre a violencia e o sexo, agora unha asociacións de nais (MADD) critica que o xogo de Take-Two permite conducir bébedo, o que non parece ser unha crítica moi xustificada, xa que no propio xogo se insta ao xogador a coller un taxi nese caso, e conducir baixo os efectos do alcohol tamén é perigoso na ficción, xa que o xogo esaxera os efectos da bebida, polo que incluso podería ser positivo que se presente esta posibilidade (que podería asustar aos mozos sobre as consecuencias de conducir ebrio).

PUBLICIDADE