Por fin é posible mudar de ID na PlayStation Network

mércores, 10 de abril do 2019 Marcus Fernández

A PlayStation Network está a recibir unha novidade esperada por moitos usuarios dende hai anos: a posibilidade de mudar o seu identificador en liña. Deste xeito, os propietarios dunha PlayStation 4 poderán mudar o seu ID na súa consola ou a través dun navegador web, sendo o seu primeiro cambio de identificador de balde e custando os cambios sucesivos 9,99 euros (4,99 euros para subscritores de PlayStation Plus).
Ao mudar de ID será posible amosar o identificador anterior no perfil durante 30 días para facilitar a localización por parte de amigos, e os identificadores anteriores quedarán bloqueados, de xeito que o usuario pode localizar un ID anterior de balde (contactando co servizo de asistencia de PlayStation).
Aínda que este cambio sexa moi desexado por aqueles que se deron de alta na PlayStation Network cun ID que hoxe xa non os representa ben, cómpre advertir que algúns xogos presentarán problemas co cambio de ID e, de xeito xeral, só os xogos publicados despois do 1 de abril de 2018 son compatibles coa nova funcionalidade (e ningún dos xogos de PS3 e PS Vita serán compatibles).
Nos xogos incompatibles pode amosarse o ID anterior, poderían perderse os progresos e os datos gardados e incluso podería perderse o acceso a contido adicional e a partes dalgúns xogos, polo que os usuarios que atopen problemas serios o máis recomendable sería que recuperasen o seu ID orixinal.

PUBLICIDADE