Preguntados sobe ao carro da realidade virtual

mércores, 27 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Etermax, a compañía detrás de éxitos como Apalabrados e Preguntados, quere levar este último título un paso máis adiante con Preguntados World (Trivia Crack World na súa versión internacional), que contaba con versións para Windows e dispositivos móbiles, e que agora sorprende desembarcando en dispositivos Meta Quest, no que describen como «a primeira experiencia de trivia inmersiva» nesta plataforma.
Preguntados World permítenos acompañar aos personaxes do xogo (Willy, Tina, Héctor, Pop, Bonzo, Albert e Tito) e responder aos seus desafíos que poñen a proba o coñecemento en distintas materias . Poderemos explorar libremente un parque no que participar en partidas de Trivia Tower, onde competir para ser o gañador da tempada e poder ter unha estatua propia no marque. É posible coñecer a xogadores de todo o mundo e facer amigos mentres se demostra a destreza en distintas actividades.
No Museo de Héctor poderemos demostrar os nosos coñecementos sobre historia e gañar fragmentos de chave para obter premios; é posible crear partidas privadas nas que divertirse con amigos; e tamén é posible participar en minixogos en solitario.
Estamos ante un divertido xogo de preguntas, dispoñible en inglés, español, portugués, francés, italiano e alemán, e que agora incluso podemos gozar en realidade virtual.

Tráiler de lanzamento de Preguntados World para Meta Quest