Preparan un novo xogo de VR de Star Trek

venres, 22 de agosto do 2025 Marcus Fernández

A franquía Star Trek prepara unha nova incursión no mundo da realidade virtual con Star Trek: Infection, unha aventura narrativa para un xogador desenvolvida polo estudio Played With Fire, que introduce unha forte dose de terror corporal a bordo dunha nave da Frota Estelar.
Nesta experiencia nativa de realidade virtual o xogador colócase na pel dun oficial vulcano destinado a unha misión encuberta no U.S.S. Lumen. O que comeza como unha operación secreta convértese axiña nun pesadelo psicolóxico e físico.
Na trama, a nave aparece sen tripulación e cunha entidade descoñecida que a infestou… e que tamén invade o corpo do protagonista, provocando mutacións que outorgan habilidades perigosas a cambio da súa saúde.
O xogador deberá explorar o U.S.S. Lumen, resistir ou aceptar a infección, e enfrontarse tanto á escuridade da nave como á da súa propia mente.
Tráiler de presentación do xogo amosa xa algunhas das interaccións clave en VR: monitorizar o estado físico co trigravador médico, usar mutacións en combate, lanzar coberturas para achegarse a inimigos, empregar un fasico ou un hypospray, e mesmo aplicar o clásico ataque de pinza vulcano contra os infectados.
O lanzamento do xogo está previsto para este ano para Quest 3, con versión posterior en PC VR a través de Steam, baixo a edición de Broken Mirror Games.

Tráiler de presentación do xogo