Preparan unha nova máquina recreativa das Tartarugas Ninja

luns, 23 de outubro do 2017 Marcus Fernández

En 1989 Konami fixo historia ao colocar en salóns recreativos e bares de todo o mundo unha máquina arcade das Tartarugas Mutantes que puidemos ver en Europa co título de Teenage Mutant Hero Turtles e que destacaba polo feito de permitir xogar até a 4 usuarios á vez, respectando así a composición do equipo ninja que estaba a trunfar nas televisións de todo o mundo (incluíndo a TVG).
A franquía das tartarugas máis famosas da pequena pantalla tivo numerosas adaptacións para recreativas e consolas de videoxogos, que case sempre apostaron polo xénero do beat’em up ou brawlers (aínda que con variantes que engadían toques de aventura) e agora dende Arcade Heroes sorprenden anunciando que na feira IAAPA que terá lugar en Orlando o mes que vén vai presentarse unha nova máquina recreativa inspirada na actual serie de animación das Tartarugas Mutantes.
A grande sorpresa deste anuncio é que a nova recreativa respectaría o concepto da orixinal, ou sexa, que permitiría xogar a 4 usuarios á vez, aínda que desta volta a experiencia promete ser moi superior, xa que en vez dunha discreta pantalla de tubo a máquina integrará un impresionante monitor de 55 polgadas. Raw Thrills é a compañía detrás deste produto que busca satisfacer a falta de brawlers na xeración de consolas actual. O xogo recupera a mecánica clásica de percorrer os niveis coa axuda dos amigos para chegar ao distintos xefes finais, aínda que desta volta teremos máis movementos e unha maior interacción que no xogo de 1989. Os gráficos estarán coidados, sendo fieis á serie de televisión de Nickelodeon e incluso contará coas voces dos actores orixinais.
En España quedan aínda algúns salóns recreativos modernos que importan máquinas de Raw Thrills, polo que é bastante probable que algunha nova máquina das Tartarugas Mutantes chegue ao territorio español, aínda que realmente será unha xoia difícil de atopar, e probablemente o territorio próximo no que sexa máis doado de atopar unha destas recreativas será o Reino Unido.

PUBLICIDADE