Presentadas novas axudas para o espallamento dixital do noso comercio

xoves, 10 de agosto do 2017 Redacción

O Goberno galego presentou hoxe novas axudas para a posta a punto e o espallamento dixital do noso tecido comercial. Trátase, en total, dun orzamento de 2 millóns de euros para, en palabras da Xunta, impulsar máis de 130 proxectos no comercio de proximidade galego, “contribuíndo así á mellora da competitividade do sector”. As axudas foron dadas a coñecer pola directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal. O programa de pulo á innovación está destinado a pequenas e medianas empresas (PEME) que “veñan desenvolvendo a súa actividade comercial en Galicia durante os últimos dous anos”.
A iniciativa artéllase en varias vertentes. Primeiro, segundo informou en rolda de prensa a directora xeral, apoiaranse con até 30.000 euros os proxectos de espallamento e medre comercial, para a apertura de novos establecementos. As iniciativas potencialmente beneficiarias poderán ter en marcha procesos de optimización do mesmo proxecto comercial (especialización ou diversificación de produtos, especialización de servizos ao cliente ou novas tendencias de consumo). As firmas subvencionadas deberán incluír un compromiso de contratación de polo menos un traballador. Estas iniciativas deberán, así mesmo, responder a unha idea comercial innovadora.
Por outra banda, concederanse axudas de até 3.500 euros para proxectos piloto pop up, consistentes na apertura (por un prazo máximo de dous meses) dun novo establecemento nun concello distinto ao que o comerciante veña desenvolvendo a súa actividade para “testar un mercado ou un proxecto comercial innovador”.
Os comerciantes poderán acceder ademais a apoios de ata 1.080 euros para a súa expansión dixital, co obxectivo de acceder a asesoramento profesional e especializado para a implantación e seguimento “dun plan de comunicación dixital personalizado e axeitado ao target do comerciante, definindo unha estratexia comercial dixital de espallamento”, informou a directora xeral.
Sol Vázquez engadiu que o novo programa compleméntase coas axudas destinadas á modernización e mellora da imaxe do comercio galego (dotadas con 1,3 millóns de euros) que están nestes intres en fase de resolución, a través da cal apóiase tamén a novos emprendedores, e que conta con apoios para a reforma e acondicionamento de locais comerciais que permitirá tamén a comerciantes galegos acceder á xestión profesional das súas redes sociais.

PUBLICIDADE