Presentado en Lugo o documental Ni + Ni para concienciar sobre a igualdade nas TIC

venres, 13 de xuño do 2008 Raquel Noya

O documental Ni + Ni rodado por AGESTIC no marco do Plan Avanza do Ministerio de Industria para concienciar á sociedade da necesidade de traballar en igualdade nas TIC, vén de ser presentado en Lugo polo presidente da asociación, José María López Bourio, quen asegurou que “queda moito que facer neste senso”.
Ni + Ni explica en primeira persoa (a través das testemuñas das súas protagonistas) o porqué da fenda dixital que en Galicia é máis acentuada, se cabe, para as mulleres e obtén unha radiografía dos principais problemas que fan que a igualdade nas TIC sexa aínda unha materia pendente na nosa Comunidade.
O documental de AGESTIC explica que a falla de infraestruturas, os problemas de conectividade, os altos custes no medio rural e a falta de coñecementos sobre a funcionalidade das novas tecnoloxías son os principais factores que dificultan a igualdade de xénero neste senso e os creadores de Ni + Ni inciden nesas cuestións a través das testemuñas de empresarias, técnicos e emprendedoras dos distintos sectores produtivos de toda a xeografía galega que acadaron os seus obxectivos empresariais grazas ás TIC e que son unha excepción que neste caso confirman a regra.
Estes exemplos de éxito que se incorporaron ó documental pretenden mostrar que “hai outra Galicia” de mulleres emprendedoras que fixeron da súa base empresarial un “modelo de xestión e de eficacia” baseado no uso intensivo das TIC.
O documental ten unha duración de 30 minutos e compleméntase cunha serie de entrevistas, relatorios, intervencións e fotografías adicionais que poden ser empregadas con fins formativos e informativos por calquera usuario interesado.

PUBLICIDADE