Presentan no Xapón un sistema para coidar a pel coa axuda da Nintendo DS

venres, 15 de xuño do 2007 Marcus Fernández

A Nintendo DS ampliará os seus usos no Xapón, pasando a ser algo máis que unha consola de videoxogos portátil e podendo transformarse nun asistente para o coidado da pel grazas ó Dream Skincare da doutora Chizu Saeki, que veñen de presentar no Imperio do Sol Nacente.
A nova aplicación comezará a venderse o 18 de outubro en Xapón a 4.500 iens (27,36 euros) e pretende axudar ás mulleres niponas a coidar a súa pel con consellos e trucos de beleza que se poden ver en texto e vídeo (aparecendo a doutora Saeki dando instrucións detalladas). Tamén pode facer un seguimento diario da temperatura das usuarias para estimar o seu equilibrio hormonal. Todo un novo concepto que quere combinar beleza e diversión.
A axencia Reuters fai un achegamento en vídeo sobre este novo produto de Konami.

PUBLICIDADE