Presentan o Piloto Español de DVB-I

luns, 29 de setembro do 2025 Redacción

RTVE e FORTA deron a coñecer o Piloto Español de DVB-I, unha iniciativa pioneira que sitúa España á vangarda das probas técnicas deste estándar europeo. O proxecto ten como obxectivo avaliar se esta tecnoloxía pode converterse nunha ferramenta estratéxica para mellorar a visibilidade, o acceso e a relevancia dos contidos audiovisuais, ao tempo que se adapta ás novas formas de consumo televisivo.
O piloto enmárcase no denominado Convenio Compostela, que establece a colaboración entre RTVE e a federación de canles autonómicas, e pretende constituírse como a referencia nacional neste ámbito. A idea é implicar tanto aos prestadores públicos como aos privados con licenza, mantendo o modelo da Televisión Dixital Terrestre, que garante o acceso universal e gratuíto a contidos lineais en aberto, pero incorporando funcionalidades complementarias que permitan competir coas grandes plataformas globais.
A iniciativa cobra especial relevancia no contexto do novo Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación e, en particular, no artigo 20 relativo á prominencia dos servizos audiovisuais. Non en van, a Unión Europea de Radiodifusión xa instou os seus membros a impulsar proxectos nacionais que aseguren esta visibilidade en colaboración cos operadores privados.
O Piloto Español de DVB-I terá unha duración aproximada de nove meses e contará coa implicación de radiodifusores, fabricantes de electrónica de consumo, operadores de redes, provedores de tecnoloxía e xestores de servizos. Ademais, participarán como observadores tanto a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia como o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
España preséntase como un escenario clave para estas probas, ao manter a TDT como a plataforma máis consumida, cunha ampla diversidade lingüística e unha coexistencia de operadores públicos e privados nos ámbitos estatal, autonómico e local. Os primeiros pasos inclúen a creación dun Grupo de Implementación, a análise doutros pilotos europeos xa en marcha e o establecemento de contactos con fabricantes e provedores tecnolóxicos.
Na presentación do proxecto realizouse unha demostración práctica, na que os asistentes puideron coñecer e experimentar de primeira man coas novas funcionalidades que ofrece o estándar DVB-I, que basicamente consiste en achegar aos consumidores os servizos audiovisuais que actualmente recibimos por TDT ou satélite, pero empregando a Internet como medio de difusión, polo que non sería preciso contar con antena para a recepción.