Presentan un documental sobre o programa de radio Game 40

venres, 19 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Entre os anos 1992 e 1998 os amantes dos videoxogos tiñan unha cita obrigada os domingos co programa de radio Game 40, que atendía unha grande demanda de información que non se vía atendida como acontece agora coa Internet. O programa callou fondo en toda unha xeración que viviu a guerra de consolas entre SEGA e Nintendo, así como o apoxeo da PlayStation, e para rememorar aqueles tempos, e o programa radiofónico que axudou a que o público o vivise dun xeito máis intenso, está a ultimarse o documental 20 años de Game 40¸ realizado por Miguel Ángel Guzmán, e que esta tarde presentouse no marco da Madrid Games Week, onde estiveron presentes membros do equipo do programa de radio e onde estreouse o tráiler do documental.
Na presentación detallaron que o documental tardará aínda un chisco en ver a luz, porque aínda non remataron de gravar todas as entrevistas, pero agora que xa ten tráiler e cartel promocional queda claro que estamos preto da súa estrea, que terá lugar en YouTube para fortuna dunha multitude de nostálxicos que gozarán do recordo tanto do programa de Guillem Caballé e o seu equipo, como da época na que o sector dos videoxogos eclosionou dando lugar á industria do lecer máis importante na actualidade.

Tráiler de 20 años de Game 40

PUBLICIDADE