Pretenden levar Palworld a móbiles
mércores, 2 de outubro do 2024
Krafton, a empresa surcoreana detrás de PUBG: Battlegrounds, vén de asinar un contrato de licenza coa compañía de videoxogos nipoa Pocketpair sobre o xogo Palworld para poder levalo a dispositivos móbiles, para o que teñen previsto reinterpretar e adaptar de xeito fiel os elementos de entretemento do xogo orixinal para móbiles, anuncio que sorprende bastante xa que Nintendo denunciou hai pouco a Palworld por infracción de patentes, polo que semella arriscado iniciar a adaptación dun xogo que podería rematar sendo retirado do mercado.
Cómpre salientar que a marca resulta moi apetecible para calquera estudio, xa que arrastra un grande éxito nas plataformas nas que está presente. Por exemplo, a só un mes do lanzamento para PC conseguiu superar os 15 millóns de copias vendidas en Steam, en Xbox superou os 10 millóns de usuarios, e dende o 25 de setembro tamén conta con versión para PlayStation 5 (aínda que esta última versión non está dispoñible no Xapón).
Queda agora agardar para ver se Palworld será unha realidade en Android e iOS, ou quedará nunha intención por mor da presión xudicial.