Preto do 30% das alumnas da UVigo reciben con frecuencia imaxes sexuais por Instagram

mércores, 1 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

Piñeiro e Martínez Rolán son os coordinadores deste estudo

Coñecer tanto a incidencia entre o alumnado da UVigo de diferentes tipos de “violencias dixitais” na rede social Instagram, como o xeito no que estas son percibidas, constitúe un dos obxectivos centrais dun estudo coordinado polo profesor da Facultade de Comunicación (Campos de Pontevedra, UVigo) Xabier Martínez Rolán e a investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro.
Desenvolvido no marco da Cátedra Feminismos 4.0, que impulsan a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, o proxecto Toxicidade e violencias machistas en Instagram ten como punto de partida unha enquisa realizada a máis de 600 estudantes dos tres campus e que permitiu constatar que o 58% do alumnado da UVigo sufriu situacións de acoso nesta rede social, que só denunciaron no 17% dos casos.
Os primeiros datos da investigación que Martínez Rolán e Piñeiro realizaron xunto cos investigadores Laura Castro, da UDC, Graciela Padilla, Almudena Barrientos e David Caldevilla, da Universidad Complutense de Madrid, presentáronse en novembro na cuarta edición do obradoiro Hackeando o patriarcado, da Cátedra Feminismos 4.0.
Así, preto do 50% dos participantes afirmaron ter recibido imaxes sexualmente explícitas non demandadas, máis frecuentemente ao 28% das estudantes. Do mesmo xeito, as alumnas tamén se enfrontaron en maior medida a “mensaxes insistentes” por parte de persoas ás que non responderon ou rexeitaron. Ademais, a enquisa permitiu constatar que máis do 35% do alumnado sentiuse “ofendido, humillado, intimidado, acosado ou agredido” nesta rede social. O único aspecto que os estudantes varóns sinalaron padecer en maior medida foi o de ter sido “ameazados con violencia física”, o que lle aconteceu de xeito frecuente ao 8%.
En canto á percepción desta rede social, o 60% das estudantes sostiveron que “perpetúa os estereotipos de xénero”; pola contra, o 12% dos varóns consideran que “publicar imaxes ou poses suxestivas supón unha forma de apoderamento das mulleres”, algo co que só están de acordo o 7% delas. Así mesmo, a maioría do alumnado percibe como "fácil ou moi fácil" atopar en Instagram contidos racistas, machistas, misóxinos ou homófobos.
Os datos reunidos para este estudo poden consultarse na web do proxecto e darán lugar a novas análises en publicacións científicas. Ao mesmo tempo, Martínez Rolán recoñece o interese do equipo investigador de “levar o cuestionario a outras universidades” coa idea de poder comprobar “se os datos que obtemos na UVigo poderían extrapolarse a nivel estatal”.

PUBLICIDADE