Primeiro trailer de Tatsunoko vs Capcom

xoves, 10 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Morrigan (Darkstalkers) será un dos personaxes incorporados ao xogo

Os seguidores de toda a saga de xogos de loita de Capcom (con Street Fighter á cabeza) están impacientes por probar o xogo que enfrontará a varios personaxes de xogos de loita anteriores con personaxes de Tatsunoko (compañía responsable de series de animación coma Comando G, Casshern ou Chicho Terremoto), e este agardado título xa conta cun trailer de debut no que se pode ver cómo será a dinámica do xogo así como os seus principais personaxes.
Temos así que en Tatsunoko vs Capcom os loitadores serán Ryu e Chun-Li (Street Fighter), Batsu (Rival Schools), Alex (Street Fighter III), Morrigan (Darkstalkers), Söki (Onimusha: Dawn of Dreams), Mark (Comando G), Tekkaman (Space Knight Tekkaman), Gan-chan (Yatterman), Casshern (da serie do mesmo título), Hurricane Polymar e Gold Lightan (Golden Warrior Gold Lightan), un repertorio moi amplo, aínda que os personaxes de Tatsunoko non sexan moi coñecidos fóra do Xapón.
No vídeo podemos ver múltiples tipos de ataques que se poderán facer no novo xogo, e este título confirmaría que os xogos de loita en 2D aínda poden dar moito xogo e non se limitarán no futuro a revisións da saga Street Fighter.


Trailer de debut do novo xogo de loita

PUBLICIDADE