Principia tirará abaixo barreiras inclusivas para a nova xeración de investigadoras e investigadores

luns, 12 de abril do 2021 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, presentou este 12 de abril os detalles da sexta edición do programa Principia, unha iniciativa para impulsar o emprego xuvenil (prevese a contratación de 100 mozas e mozos) e o talento investigador galego que pide paso (con este talento fortalecerase a capacidade de I+D das empresas e centros de coñecemento), ao tempo que libera o camiño da contratación de obstáculos para as mulleres e as persoas con diversidades funcionais.
O programa impulsado desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, cuxo prazo de solicitude remata o vindeiro xoves, 15 de abril, contempla axudas por importe de 10.000€ por contrato que se poden complementar cun bono de formación de 1.000€ adicionais. Cun orzamento total executado de preto de 4,5M€ e un total mobilizado de máis de 13M€, ao longo das cinco edicións anteriores realizáronse 542 contratos de calidade a persoas de ata 35 anos que se integraron en 282 entidades beneficiarias, o 78,9% delas empresas. De todos eles, 318 (58,67%) foron contratos indefinidos desde o inicio.
Patricia Argerey explicou na súa intervención que “este programa responde á vontade do Goberno galego de incentivar o emprego de calidade no eido da innovación, favorecendo a incorporación de persoas cualificadas e con capacidade de liderar e desenvolver actividades de I+D+i, que permitan asegurar a sostibilidade e garantir a competitividade do ecosistema galego a longo prazo”.
Amais, a directora de GAIN salientou a vontade de Principia de botar abaixo barreiras á integración e á igualdade, xa que, entre outras cousas, busca “incentivar a contratación tanto de mulleres como de persoas con diversidade funcional que desexen orientar a súa carreira profesional ao campo da innovación”.
No webinario desenvolvido este 12 de abril interviñeron tamén dúas empresas beneficiarias do programa Principia en anteriores edicións, que expuxeron a súa experiencia, poñendo de manifesto que nesta iniciativa teñen cabida empresas de todos os sectores e tamaños.
A primeira delas, Sociedad para el tratamiento de aguas residuales, é unha gran empresa do ámbito do mantemento industrial, que incorporou a unha profesional que se implicou no redeseño e automatización de procesos de limpeza e hixiene industrial.
A segunda foi unha micropeme dedicada á distribución de comida a domicilio, Comida sana, rápida e barata, que aproveitou o programa para contratar a dúas persoas e así avanzar no seu proceso de dixitalización e desenvolver un software para dotar dun alto grao de automatización a xestión dos traballos de cociña, desde o avituallamento e a execución ata a comercialización.

PUBLICIDADE