Propoñen mesturar os principais xéneros das máquinas recreativas dos 80 nun único xogo

venres, 4 de maio do 2018 Marcus Fernández

O estudio sueco Hi-Bit Studios, decidiu preparar un xogo de corte retro chamado 198X, que en vez de inspirarse nun único xénero, optar por repasar moitos dos estilos propios dos títulos para máquinas recreativas dos anos 80, como o beat’em up, os shoot’em up, os xogos de plataformas e os xogos de rol, enlazando esta mestura cunha narrativa cinematográfica.
198X está ambientada nos suburbios dunha cidade nos anos 80, onde un mozo descubre un salón recreativo local, e a súa experiencia e cada máquina suponlle un crecemento persoal, desdebuxando a barreira entre xogo e realidade.
Os xogos que teremos serán un beat’em up no que un vixilante terá que introducirse nun barrio ateigado de delincuentes aos que enfrontarse coas súas propias mans; un xogo de naves no máis puro estilo de R-Type; un xogo de carreiras de coches moi semellante ao clásico Out Run; un xogo de desprazamento lateral protagonizado por un ninja (o que podería lembrarnos ao clásico Strider); e un xogo de rol de corte futurista no que combater contra abominacións cibernéticas nun alxube labiríntico.
Este xogo comezou a desenvolverse na primavera de 2017 e pretende ver a luz en marzo de 2019 con versións para PS4, Xbox One, Nintendo Switch e PC, e para conseguir tal optaron por acudir a Kickstarter, plataforma na que buscan mecenas que poden facerse co xogo por dende 170 coroas suecas (algo máis de 16 euros).
Aínda que estamos ante unha proposta un tanto orixinal, o público parece reticente a apostar a cegas por un proxecto sen referentes, polo que a grande proxección mediática que está a conseguir a campaña de Kickstarter aínda non se traduciu en grandes apoios, en contraste coas campañas que superan a súa meta nas súas primeiras horas.

O shoot’em up que propón 198X semella un calco de R-Type
O xogo de carreiras co que contará 198X parece inspirado en Out Run

Tráiler de 198X

PUBLICIDADE