Proxectan crear unha web que evite a prescrición do dobre asasinato do Ceao

xoves, 7 de maio do 2009 Raquel Noya

Quince anos despois da tráxica xornada na que dúas persoas foran asasinadas no polígono lucense do Ceao, os familiares das vítimas non queren que este suceso quede no máis absoluto esquezo policial e xudicial debido a prescrición do caso, e veñen de anunciar a creación dunha páxina web coa que loitar contra o peche das investigacións tamén dende a Rede.
Segundo vén de indicar o xornal La Voz de Galicia (que leva feito un minucioso seguimento do transcorrer do caso dende o fatídico día), os familiares de Elena López, a caixeira que perdeu a vida no seu lugar de traballo, estiveron traballando nos últimos días cos informáticos para ultimar a web que, segundo informaron, “albergará diversa información e permitirá expoñer as primeiras opinións dos usuarios que desexen intervir”.
A páxina, entre outras ligazóns, contará cunha hemeroteca na que se inserirán as informacións públicadas polos xornais nos últimos quince anos, así como algunhas fotografías das vítimas que axuden a manter viva a súa memoria.
Os promotores da idea, segundo explican no xornal galego, “pensan que a iniciativa en liña pode resultar exitosa e confían en que a cidadanía lles poida achegar valiosas ideas ou quizais as pistas que a policía non soubo atopar para dar co asasino ou asasinos de López e Carballido”.