Puzzle Bobble 2 chega ás consolas actuais

xoves, 7 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

O vídeoxogo Puzzle Bobble foi un dos meirandes éxitos de Taito nos anos 90, estando moi presente en salóns recreativos e incluso en moitos bares (lembremos que era a máquina recreativa do Bar Suízo da serie Pratos Combinados), de aí que no seu día foi inevitable que contase con secuela, que hoxe témola de volta cunha versión para Xbox One e outra para Nintendo Switch dentro da serie ACA NEOGEO. Espérase que ACA NEOGEO Puzzle Bobble 2 chegue tamén estes días a PlayStation 4.
Este xogo, á venda por 6,99 euros, é un xogo de acción e quebracabezas que mantén a esencia da súa primeira entrega, de xeito que calquera poderá gozar da súa experiencia de eliminar burbullas de cores da pantalla a toda velocidade, aínda que cunha pequena novidade: as novas Star Bubbles e Metal Bubbles. A versión que chega agora a consolas é unha reprodución fiel das máquinas recreativas orixinais.

JPEG - 254 KB
O xogo, que chega agora a consolas actuais, mantén o espírito da súa primeira entrega

PUBLICIDADE