Puzzle Fighter estréase en smartphones e tabletas

mércores, 22 de novembro do 2017 Marcus Fernández

O pasado verán Capcom anunciou que estaba a preparar un xogo de Puzzle Fighter para iOS e Android, recuperando así a franquía que nacera nos anos 90 ao abeiro do éxito de Street Fighter II e que limitábase a clonar mecánicas como as do Columns de SEGA, pero con personaxes de xogos de loita de Capcom.
Esta actualización do clásico Super Puzzle Fighter II Turbo é xa unha realidade, baixo o sinxelo nome de Puzzle Fighter, e podemos descargalo de balde da App Store e de Google Play, amosando o xogo unha aparencia renovada e novas características, contando unha vez máis con personaxes de Street Fighter, Mega Man¸Darkstalkers, Resident Evil e Dead Rising, que participarán en combates na que os ataques son consecuencia das combinacións de xemas que se fan no xogo.
Puzzle Fighter permite botar partidas en liña contra outros xogadores ou participar en misións para desbloquear novos loitadores e conseguir recursos, o que tamén pode conseguirse pagando con cartos reais, xa que este título de balde inclúe compras in-app, que buscan que os xogadores máis intensivos paguen así por moedas e xemas para poder abrir cofres e adquirir tarxetas de mellora para os loitadores.
Estamos ante un xogo con grande orientación en liña, con eventos en directo, taboleiros de puntuacións en liña, misións diarias... todo para favorecer que os usuarios destinen o maior tempo posible a este título, creando así a necesidade de participar na súa economía virtual.

O xogo pode descargarse de balde, pero integra a súa propia economía, para procurar levar ao xogador a gastar cartos reais para progresar

Tráiler de lanzamento de Puzzle Fighter

PUBLICIDADE