Querote.org fai reconto do acadado ao longo dos seus dous primeiros anos de vida
luns, 10 de novembro do 2008
A Rede Galega de Centros de Asesoramento
Afectivo-Sexual, Quérote, vén de dar
conta do total de consultas que atendeu a través da súa páxina web dende a súa
posta en funcionamento hai dous anos.
O número de mozas e mozos galegos atendidos
por Quérote.org ao longo deste tempo foi de 5.000 en toda Galiza, unha cifra
que pon de manifesto o éxito acadado por este servizo posto en marcha pola
Dirección Xeral de Xuventude para cubrir as necesidades da xuventude galega en
materia de información afectivo-sexual.
A meirande parte das consultas rexistradas a
través da web foron realizadas por mulleres (un 69 por cento) e o grupo que
máis consultas fixo por idades foron os mozos e mozas de entre 16 e 20 anos (46
por cento), seguido dos grupos de entre 11 e 15 anos e de entre 21 e 25 anos.
Segundo indicaron os seus responsables, isto
pon de manifesto que, polo xeral, “é o
sector máis mozo da poboación o que escolle a consulta a través da web, mentres
que as persoas de máis idade prefiren achegarse persoalmente aos centros da
Rede Quérote para expoñer as súas dúbidas”.
Este
sistema electrónico garante o acceso igualitario de todas as persoas á información
afectivo-sexual, independentemente do lugar no que residan e da hora que o
soliciten polo que é unha ferramenta ideal para aqueles usuarios que non
dispoñan dun centro Quérote na súa
localidade ou que non teñan horarios axeitados para acudir de xeito presencial.
Resposta en 48 horas
A Rede de Centros Quérote atende as consultas tanto de xeito presencial como a través
da súa web, medio este último que se erixiu como o máis empregado polas persoas
que solicitan información. De feito, o 60 por cento das consultas recibidas no
primeiro semestre deste ano foron a través da web.
A confidencialidade, a rapidez na resposta, a
profesionalidade e o acceso e gusto da xuventude polos medios tecnolóxicos
converten á consulta electrónica no medio máis valorado á hora de facer
consultas arredor de sexualidade.
O sistema de consulta comeza cando unha persoa
envía unha pregunta a través da web www.querote.org,
a páxina xera unha clave que se remite automaticamente á persoa que realiza a
consulta, unha clave coa que logo poderá consultar a súa resposta na propia
web. Só os profesionais e a persoa que realizou a pregunta terán acceso ao
contido da resposta que se emite, como moito, 48 horas despois de terse
realizado a consulta.